Sunday 05 de May de 2024

O Concello súmase á celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos


O Concello de Santiago únese ao Consello da Cultura Galega e a outras institucións galegas para organizar de xeito conxunto un roteiro conmemorativo entre Compostela e Ortoño que terá lugar o vindeiro 12 de outubro, emulando a andaina fundacional que realizaron algúns dos membros do SEG hai 100 anos. No marco desta efeméride, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén anunciou a posta en marcha de varios roteiros pola cidade vinculados ao SEG, así como a elaboración dun caderno sobre a historia da entidade e dunha unidade didáctica dirixida aos centros educativos.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá na presentación dos actos vinculados á celebración e reivindicación do Seminario de Estudos Galegos no ano do centenario da súa fundación. Na rolda estiveron presentes os representantes de todas as institucións implicadas: a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Ames, Blas García; o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias.

O roteiro «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos» partirá da Alameda compostelá o vindeiro 12 de outubro ás 09 horas. Á súa chegada a Ortoño, farase unha ofrenda floral diante da placa da dundación do SEG na casa de Rosalía en Ortoño. A continuación, todas aquelas persoas que o desexen poderán participar nun xantar popular amenizado con música tradicional. Para participar nestas actividades, cómpre inscribirse na páxina web do evento.

Na véspera terá tamén lugar o congreso «Saber de nós: cen anos do Seminario de Estudos Galegos» que se centrará na importancia do SEG no seu momento, as súas vicisitudes históricas, o impacto na cultura de Galicia do século XX e a vixencia do seu legado. Estará estruturado en catro sesións.

Goretti Sanmartín calificou a celebración destas e outras actividades como un acto “xusto e necesario” que “pon a guinda a unha serie de actos que comezaron en 2016” coa celebración do centenarios das Irmandades da Fala e do Grupos Nós. A rexedora contratulouse da boa sintonía entre as institucións implicadas e fixo un chamamento a “toda a poboación compostelá” para unirse a esta xornada festiva de andaina e romaría e así “recoñecer a importancia que tiveron as persoas ligadas ao SEG entre nós”.

Ademais,a rexedora adiantou que o Concello de Santiago tamén se unirá á celebración desta efeméride coa organización de varias actividades propias, como unha serie roteiros por diferentes puntos de Compostela relacionados coa historia do SEG. Tamén se prevé a publicación dun caderno específico que recollerá a historia e principais fitos do SEG que se distribuirá en centros sociais e colexios e institutos, e unha unidade didáctica para enviar a centros educativos de Compostela e da comarca.